Estatutos APM Gallego

0

ESTATUTOS DA
“ASOCIACIÓN PROFESIONAL DA MAXISTRATURA”

[Este texto contén as modificacións aprobadas nos congresos da APM de Sitges (novembro de 2003) e Valencia (novembro do 2005)]

Os xuíces e maxistrados que serven os seus cargos no territorio español e que integran a “Asociación Profesional da Maxistratura”, conscientes da ineludible necesidade de respectar e desenvolver os principios, dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución, e responsables ante o pobo español da obriga que lles encomendou de administrar xustiza, estiman necesario para o mellor cumprimento da súa función e para a defensa dos seus intereses individuais e colectivos constituírse en asociación.

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

CAPÍTULO I.- DO NOME, DOMICILIO E FINS

Artigo 1.- Da constitución e ámbito da Asociación

Á Asociación Profesional da Maxistratura é constituída ao amparo do establecido no artigo 127.1 da Constitución española de 1978; é independente dos poderes públicos, partidos e sindicatos, tendo estrutura e funcionamento democráticos e personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
O seu ámbito estenderase a todo o territorio español, organizándose exclusivamente por seccións territoriais, cuxa circunscrición será a dos correspondentes tribunais superiores de xustiza e sen prexuízo do recoñecemento de correntes de opinión, sempre que non sexan organizadas nin actúen fóra do establecido nestes estatutos.

Artigo 2.- Do domicilio da Asociación

O domicilio legal da Asociación radica en Madrid; porén, os congresos e as reunións dos órganos colectivos poderán celebrarse en calquera outro lugar de España.

Artigo 3.- Dos fins da Asociación

A Asociación Profesional da Maxistratura ten por finalidade:

1º) A defensa e promoción dos principios, dereitos e liberdades consagrados na Constitución.
2º) Formular as propostas máis convenientes para unha máis eficaz Administración de Xustiza, darllas a coñecer ao Consello Xeral do Poder Xudicial e demais órganos e entidades públicas que se estime oportuno, así como á opinión pública, e emitir, se é o caso, os informes que se lle soliciten no proceso de elaboración das disposicións legais.
3º) Velar pola independencia, autonomía e prestixio do Poder Xudicial, así como da función en si, mesmo mediante a denuncia pública de cantas actuacións poidan afectar aos devanditos valores.
4º) Defender e velar polos intereses e dereitos profesionais de todos os seus asociados e, en xeral, dos membros do Poder Xudicial, servindo de canle ás súas pretensións.
5º) Promover o mellor desenvolvemento científico e cultural dos seus membros, mediante publicacións e a realización de cursos, conferencias, congresos e actos similares.
6º) Promover candidatos para o nomeamento de cargos, de acordo co establecido na lexislación aplicable ao respecto. Adoptaranse as medidas oportunas para obter a máxima promoción das mulleres asociadas.
7º) Establecer relacións e intentar xuntar criterios con calquera outra asociación profesional de xuíces e maxistrados, así como con aqueloutras que constituísen os demais participantes na Administración de Xustiza.
8º) Procurar a axeitada dotación de medios persoais e materiais aos órganos xudiciais.
9º) Informar acerca das materias que, pola súa natureza, deban transcender á opinión pública e solicitar canta información fose de interese para os asociados.

CAPÍTULO II. DOS ASOCIADOS

Sección Primeira.- Dos membros da Asociación, dos seus dereitos e obrigas e da perda da calidade de afiliado
(Véxanse os arts. 2 a 9 do Rgto.)

Artigo 4.- Dos membros da Asociación

Poderán ser membros da Asociación os xuíces e maxistrados en servizo activo que non se atopen afiliados a outra asociación profesional de xuíces e maxistrados e que non estean incursos en causa de perda da calidade de asociado.
O órgano competente para a admisión ou inadmisión do solicitante será o Comité Executivo, e poderá recorrerse en alzada ante a Comisión Permanente contra o acordo polo que se denegase a admisión.

Artigo 5.- Dos dereitos dos asociados

Os membros da Asociación terán dereito a:

1º) Elixir, ser elixidos e propoñer candidatos para os cargos de representación, dirección e xestión da Asociación.
2º) Designar e ser designados compromisarios para os congresos da Asociación.
3º) Ser designados pola Asociación candidatos para calquera cargo en que así se establecese, así como facer propostas para as devanditas candidaturas.
4º) Asistir con voz e voto ás asembleas da sección territorial correspondente e, cando fose designado compromisario, aos congresos da Asociación.
5º) Expoñerlle á xunta directiva da súa sección territorial, por si ou a través do correspondente delegado, calquera feito que xustifique a actuación dos órganos correspondentes da Asociación ou das súas seccións territoriais.
6º) Esixir que se realicen en tempo e forma os congresos da Asociación ou as asembleas das súas seccións territoriais, podendo dirixir a uns e outras toda clase de rogos e preguntas, así como elevar relatorios ao congreso na forma que corresponda.
7º) Solicitar, por si ou a través do delegado, a convocatoria do congreso da Asociación ou das asembleas xerais da súa sección territorial, na forma prevista nestes estatutos e nas normas que os desenvolvan.
8º) Solicitar e recibir información sobre a actuación da Asociación ou das súas seccións territoriais.
9º) Examinar as contas da xestión da sección territorial correspondente dentro do mes que preceda á celebración da asemblea ou como se estableza nos regulamentos de organización e funcionamento das devanditas seccións.

Artigo 6.- Das obrigas dos asociados

Os membros da Asociación estarán obrigados:

1º) A satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que acorden o congreso da Asociación ou as asembleas xerais da súa sección territorial.
2º) A observar o establecido nestes estatutos e as súas normas de desenvolvemento, así como a acatar os acordos validamente adoptados.
3º) A absterse de promover a organización, dentro da Asociación, de grupos, calquera que fose a súa clase ou denominación, que non sexan dos expresamente previstos nestes estatutos, así como a formar parte de calquera que, contravindo o anterior, se puidese ter organizado dentro dela.
4º) A se abster de dirixir, individual ou colectivamente, escrito ningún, conceder entrevistas ou participar en coloquios, roldas de prensa ou calquera outro medio de difusión, atribuíndose a representación da Asociación ou das súas seccións e carecendo de autorización expresa da Comisión Permanente ou da Xunta Directiva dunha ou outras, así como a realizar tal tipo de actos, aínda que non se atribúa as devanditas representacións, en nome de calquera grupo que se faga aparecer como integrado nunha ou outras e non sexa dos previstos nestes estatutos.

Artigo 7.- Da perda da calidade de asociado

A calidade de membro da Asociación perderase:

1º) A petición propia.
2º) Por perda da calidade de xuíz ou maxistrado en servizo activo.
3º) Por ter sido sancionado como autor dunha falta moi grave das previstas nestes estatutos.
4º) Por causar alta como asociado noutra asociación profesional de xuíces ou maxistrados.

A suspensión dos dereitos e obrigas dos membros da Asociación poderá acordarse:

a) Como sanción imposta en expediente disciplinario, no modo e cos límites regulamentarios.
b) Como medida provisional durante a tramitación do devandito expediente.

Sección segunda.- Do réxime disciplinario

Artigo 8.- Da responsabilidade disciplinaria

Sen prexuízo da responsabilidade penal ou da disciplinaria como xuíces e maxistrados, os afiliados á Asociación están suxeitos á responsabilidade disciplinaria nos casos e coas garantías establecidas nestes estatutos e polo procedemento que se fixe regulamentariamente.
A responsabilidade disciplinaria só poderá esixila o Comité Executivo, que será o competente para a resolución do expediente, e contra cuxo acordo poderá recorrerse en alzada ante a Comisión Permanente.

Artigo 9. – Das clases de faltas e da súa prescrición

1.- As faltas cometidas polos asociados poderán ser leves, graves e moi graves.
2.- As faltas leves prescribirán aos dous meses, as graves, aos seis meses, e as moi graves, ao ano, dende a data de comisión.
3.- A prescrición interromperase no momento en que se lle notifique ao interesado a iniciación do expediente disciplinario ou, de ser o caso, da información previa.
O prazo de prescrición volverá correr se o expediente, ou se é o caso, a información previa, permanecesen paralizados durante seis meses por causa non imputable ao expedientado.

Artigo 10.- Das faltas moi graves

Consideraranse faltas moi graves:

1º) A realización de actos ou manifestacións que vaian contra os principios, dereitos e liberdades proclamados na Constitución.
2º) A realización de actos ou manifestacións que vaian contra a independencia, autonomía e prestixio do Poder Xudicial.
3º) Ter sido condenado con anterioridade como autor, cómplice ou encubridor dun delito doloso, ou sancionado como autor dunha falta moi grave polo órgano competente do Poder Xudicial, sempre que, nun ou outro caso, a condena ou sanción non implique separación.
4º) A realización de calquera dos actos prohibidos polo artigo 6. 3º e 4º destes estatutos.
5º) Causar alta noutra asociación de xuíces e maxistrados.

Artigo 11.- Das faltas graves

Consideraranse faltas graves:

1º) Incumprir gravemente as obrigas establecidas no artigo 6. 1º e 2º destes estatutos.
2º) A realización de actos ou manifestacións que vaian contra o prestixio da Asociación Profesional da Maxistratura ou que comprometan a súa independencia.
3º) A realización de calquera dos actos ou manifestacións prohibidos polo artigo 33 destes estatutos.
4º) Figurar incluído, co seu consentimento, en candidatura para as eleccións a membros das salas de goberno, ou de calquera outra en que se puidesen presentar candidaturas pola Asociación Profesional da Maxistratura, a non ser que esta non formulase a súa propia candidatura e o Comité Executivo o tivese autorizado expresamente para figurar naquela.
5º) A comisión dunha falta leve sendo sancionado con anterioridade por outras dúas faltas leves.

Artigo 12.- Das faltas leves

Consideraranse faltas leves:

1º) A falta reiterada e inxustificada ás sesións ou reunións do Congreso da Asociación, da Comisión Permanente, do Comité Executivo ou das xuntas directivas das seccións territoriais, cando formasen parte delas.
2º) Non respectar os acordos validamente adoptados polos órganos directivos da Asociación ou das súas seccións territoriais.
3º) A falta de consideración ou respecto cos restantes asociados.

Artigo 13.- Das sancións

1.- As faltas leves sancionaranse con advertencia, que levará a cabo o presidente da Asociación ou, por delegación súa, o presidente da sección territorial á que pertenza o asociado.
2.- As faltas graves sancionaranse coa suspensión dos dereitos do afiliado dun mes a un ano.
3.- As faltas moi graves sancionaranse coa perda da calidade de afiliado.
4.- No caso de que o sancionado ocupase algún cargo directivo na Asociación ou nas súas seccións, a sanción por falta grave levará anexa a perda do cargo.
5.- As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos dous anos; as impostas por faltas graves, ao ano, e as impostas por faltas leves, no prazo previsto no Código penal para a prescrición das faltas. Os devanditos prazos de prescrición comezarán a computarse dende o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxeron as sancións.
TÍTULO II

DA ORGANIZACIÓN E
REPRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN
CAPÍTULO I.- DA ORGANIZACIÓN CENTRAL

Sección Primeira.- Dos órganos, en xeral, da Asociación e do Congreso, en particular.

Artigo 14.- Dos órganos de goberno da Asociación

Os órganos de goberno da Asociación de ámbito nacional son os seguintes:

1º.- O Congreso
2º.- A Comisión Permanente
3º.- O Comité Executivo
4º.- O Presidente
5º.- O Vicepresidente
6º.- O Secretario
7º.- O Tesoureiro
8º.- O Vicesecretario – Vicetesoureiro

Regulamentariamente poderase regular a creación, como órganos de apoio do Comité Executivo e da Presidencia, respectivamente, dos gabinetes operativos e das comisións que se consideren necesarios.

Artigo 15.- Do Congreso en particular

O Congreso da Asociación é o órgano supremo desta e de expresión da súa vontade. Os seus acordos obrigan a todos os asociados e só poderán ser modificados por outro congreso posterior.

Artigo 16.- Das facultades do Congreso

Ao Congreso compétenlle todas as facultades necesarias para o cumprimento dos fins da Asociación, e en concreto:

a) Fixar as directrices xerais da Asociación.
b) Modificar os estatutos.
c) Ratificar, modificar ou deixar sen efecto os regulamentos da Asociación aprobados pola Comisión Permanente ou as modificacións que neles efectuase a Comisión.
d) Designar, por elección, os membros do Comité Executivo e a persoa que debe desempeñar o cargo de presidente.
e) Designar, do mesmo modo, os candidatos para calquera cargo en que así se establecese.
f) Resolver, en definitiva, sobre os acordos da Comisión Permanente que, á súa vez, resolvesen sobre aquelas cuestións que, sometidas a debate en máis dunha sección territorial, fosen resoltas por estas de modo contraditorio, sempre que algunha das devanditas seccións avogara a cuestión ao Congreso.
g) Aprobar os presupostos e as contas xerais da Asociación.
h) Fixar a cantidade mínima que constituirá a cota dos asociados que quedará asignada aos presupostos xerais da Asociación durante o período que transcorre entre congresos e determinar que parte das subvencións recibidas de organismos oficiais de ámbito nacional haberá de distribuír entre as distintas seccións territoriais a Comisión Permanente.
i) Aprobar, modificar ou revogar os acordos da Comisión Permanente cando o considere oportuno e, en todo caso, no suposto previsto no número 6º do artigo 22 destes estatutos.
j) Resolver sobre a disolución da Asociación.

Artigo 17.- Dos membros do Congreso

1.- Son membros do Congreso:

1º.- A Comisión Permanente.
2º.- Os que, ocupando o cargo de presidente da Asociación, continúen pertencendo a ela como asociados.
3º.- Un número variable de compromisarios elixidos polas asembleas xerais das seccións territoriais en proporción dun por cada dez, ou fracción non inferior a cinco, dos membros rexistrados da sección.
As seccións poderán elixir, á parte dos compromisarios que lles correspondan, un ou varios substitutos para o suposto de que algún dos designados non puidese asistir ao Congreso.

2.- Serán Presidente, Vicepresidente, Secretario e Vicesecretario do Congreso os que este elixa ao iniciar as súas sesións.
3.- Todos os membros do Congreso terán voz e voto.
Os membros da Comisión Permanente só terán voz, pero non voto, na adopción dos acordos que axuícen a súa actuación.

Artigo 18.- Da realización dos congresos

O Congreso reunirase, polo menos, cada dous anos. O lugar e a data de realización e a orde do día serán fixados pola Comisión Permanente por proposta do Comité Executivo, que acordará o oportuno para a súa celebración.
Tamén poderá ser convocado cando o soliciten a terceira parte, polo menos, dos asociados ou das seccións territoriais, por acordos, neste último caso, adoptados polas súas respectivas asembleas xerais. A Comisión Permanente convocará neste caso o Congreso, que haberá de ter lugar no prazo máximo de tres meses dende a solicitude.

Artigo 19. – Da constitución do Congreso

O Congreso quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando se atopen presentes as dúas terceiras dos seus membros e, en segunda convocatoria, cando o estean a metade máis un daqueles, debendo mediar entre unha e outra, polo menos, media hora.

Artigo 20.- Da adopción de acordos

A Comisión Permanente, por delegación do Congreso, é o órgano superior da Asociación no período abranguido entre dous congresos.

Estará formada polos membros do Comité Executivo e polos presidentes de todas e cada unha das seccións territoriais e por un membro máis, elixido por aquelas seccións territoriais cuxo número de asociados no momento de realización do Congreso non sexa inferior a vinte e cinco.
Os presidentes das seccións territoriais, se fosen membros do Comité Executivo ou cando non puidesen asistir ás súas reunións, poderán ser substituídos por quen regulamentariamente os substituíse no seu cargo de presidente.

Sección Segunda.- Da Comisión Permanente

Art. 21.- Da composición da Comisión Permanente. A súa convocatoria

A Comisión Permanente por delegación do Congreso é o órgano superior da Asociación no período abranguido entre dous congresos.

Estará formada polo Presidente da Asociación, que a presidirá, e polos presidentes de cada unha das seccións territoriais da Asociación ou, cando estes non poidan asistir, polo membro da sección territorial que regulamentariamente o substitúa.

Cada presidente de sección terá na Comisión Permanente un voto, e un voto máis por cada 25 asociados da súa sección ata 50; e a partir de 50, un voto máis por cada 50 asociados. Para a determinación do número de votos, terase en conta o número de asociados da sección ao día da convocatoria da Comisión, e sinalaranse os votos que corresponden a cada sección na correspondente convocatoria.

O Comité Executivo poderá asistir con voz pero sen voto.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos unha vez computados os que sume cada presidente de sección, pero será necesario ademais para a súa aprobación que voten a favor a maioría dos presidentes das seccións presentes.

Non se poderán tratar asuntos non considerados na devandita orde do día, salvo acordo de dúas terceiras partes dos membros.

Cando a transcendencia da cuestión que se vai tratar así o aconselle a xuízo do Comité Executivo, este poderá convocar non só os presidentes de sección, senón os que corresponda polas porcentaxes anteriormente indicadas, se ben para os efectos de cómputo de votos cada sección mantén as devanditas porcentaxes.
Artigo 22. – Das facultades da Comisión Permanente

Correspóndelle á Comisión Permanente:

1.- Cumprir e velar polo cumprimento dos acordos do Congreso.
2.- Aprobar e modificar os regulamentos de organización, funcionamento e réxime disciplinario da Asociación, e cantos demais fosen necesarios. Sen prexuízo da súa eficacia dende a súa aprobación, a Comisión Permanente haberá de presentalos ao primeiro Congreso que se realice, que poderá ratificalos, modificalos ou deixalos sen efecto.
3.- Convocar para a realización dos congresos, ben por si mesma, ben cando o soliciten a terceira parte das seccións territoriais ou dos asociados, preparando os temas para tratar e incluíndoos nas súas ordes do día.
4.- Resolver sobre as cuestións que, sometidas a debate en máis dunha sección territorial, fosen resoltas por estas de modo diferente, cando a disparidade produza trastorno grave para a marcha da Asociación ou cando o solicite expresamente algunha das seccións.
5.- Preparar os presupostos e as contas xerais da Asociación.
6.- Aprobar a constitución, organización e funcionamento dos gabinetes operativos que en cada momento se estimen oportunos, logo de proposta de Comité Executivo. Terán á fronte un responsable que será nomeado e cesado pola devandita comisión.
7.- Resolver provisionalmente naqueles asuntos da competencia do Congreso que pola súa urxencia e transcendencia non permitan dilación ata a celebración daquel, excepto cando se refiran a temas dos previstos nas alíneas b), c) e j) do artigo 16, e procedendo inmediatamente a lles dar coñecemento a todas as seccións territoriais do acordo adoptado, por se estas considerasen oportuno facer uso da facultade concedida no parágrafo segundo do artigo 18 destes estatutos.
8.- Interpretar as dúbidas que suscite a aplicación destes estatutos, e darlle conta ao Congreso.
9.- Coordinar a actividade das distintas seccións territoriais e das súas xuntas directivas.
10.- Suxerir e indicar ás seccións territoriais, a través das súas xuntas directivas, a realización de asembleas xerais, propoñéndolles temas para tratar nestas, especialmente se estivesen xa sinalados ou tratados nestas, especialmente se estivesen xa sinalados ou tratados nalgunha asemblea doutra sección territorial e puidesen ser de interese xeral para todas ou algunhas delas, ou se estes houbesen de discutirse nun Congreso.
11.- Executar por si, ou ordenarlle a súa execución ao Comité Executivo, dos acordos adoptados polo Congreso.
12.- Redactar notas ou escritos para a súa publicación ou difusión polos medios de comunicación.
13.- Adoptar e ordenar executar cantos acordos tendan á consecución dos fins asociativos e non estean especificamente reservados ao Congreso.
14.- Exercitar as accións de todo tipo que correspondan.
15.- Remitirlles ás seccións territoriais as actas das súas sesións e as que reciban das asembleas destas.
16.- Aprobar ou rexeitar as subvencións, axudas ou doazóns feitas á Asociación, decidindo, se é o caso, a súa distribución nos termos establecidos no artigo 16, alínea h).

Sección Terceira.- Do Comité Executivo

Artigo 23.- Da composición do Comité Executivo

O Comité Executivo comporase de dez membros, incluído o Presidente, elixidos na forma que se estableza regulamentariamente.
Os membros do Comité Executivo distribuiranse por áreas de actividade e territorio para favorecer a comunicación fluída cos asociados.

Artigo 24. – Das facultades do Comité Executivo

Correspóndelle ao Comité Executivo:

1º.- Acordar sobre a admisión de asociados.
2º.- Executar os acordos adoptados pola Comisión Permanente e, en concreto, presentar ante quen corresponda as candidaturas para cargos cuxa proposta corresponda a aquelas ou ao Congreso.
3º.- Preparar os temas para tratar na Comisión Permanente.
4º.- Redactar notas ou escritos para a súa publicación ou difusión polos medios de comunicación.
5º.- Realizar con carácter provisional calquera outro acto correspondente á Comisión Permanente que, pola súa urxencia, non poida ser sometido a esta, á que deberá dar conta na súa próxima reunión. Quedan exceptuadas as competencias atribuídas no artigo 22.6 destes estatutos.
6º.- Calquera outro acto que lle encomende ou delegue especialmente a Comisión Permanente.
7º.- Designar un xerente ou administrador da Asociación, que poderá recaer sobre unha persoa que non estea integrada no devandito comité.

Sección Cuarta.- Do Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e Vicesecretario-Vicetesoureiro

Artigo 25. – Das facultades do Presidente

Correspóndelle ao Presidente, cuxo mandato terá a duración establecida no artigo 36 destes estatutos:

a) A representación da Asociación.
b) Presidir as reunións do Congreso, ata o nomeamento do seu presidente, da Comisión Permanente e do Comité Executivo, dirixindo e moderando os debates, concedendo ou retirando a palabra, resolvendo, cando proceda, co voto de calidade os empates e autorizando co seu visto e prace as actas.
c) Dirixir e asinar en nome da Comisión Permanente e do Comité Executivo os escritos e documentos dos acordos adoptados.
d) Resolver con carácter provisional calquera asunto da competencia do Comité Executivo cando, pola súa extrema urxencia, non sexa posible proceder a reunilo, solicitando, mesmo telefonicamente, o parecer dos seus membros e convocándoos inmediatamente á reunión do Comité Executivo.

Artigo 26.- Das facultades do Vicepresidente

Correspóndelle ao Vicepresidente asumir as funcións propias do Presidente en caso de ausencia, enfermidade, cesamento ou delegación expresa deste.

Artigo 27.- Falta ou imposibilidade de actuación do Presidente ou Vicepresidente

En defecto por calquera causa do Presidente e do Vicepresidente, exercerá as funcións aquel vogal do Comité Executivo de maior idade, con exclusión do Secretario e do Tesoureiro.

Artigo 28.- Das facultades do Secretario

Correspóndelle ao Secretario:

a) Convocar, por orde do Presidente, expedindo os despachos oportunos, todas as reunións do Congreso, da Comisión Permanente e do Comité Executivo.
b) Levantar acta das reunións dos devanditos órganos colexiados, autorizándoas coa súa sinatura e co visto e prace do Presidente.
c) Asumir a dirección da oficina administrativa da Asociación.
d) Levar e custodiar a documentación, o libro ou libros de actas e cantos se consideren necesarios para a marcha da Asociación.
e) Levar o Rexistro Xeral de Asociados, facendo nel as anotacións que correspondan polas altas e baixas que se produzan ou por pasar o asociado a pertencer a unha sección territorial distinta, e comunicarlles unhas e outras aos presidentes daquelas.
f) Expedir as certificacións que se precisen.

Artigo 29.- Das facultades do Tesoureiro

Correspóndelle ao Tesoureiro:

a) Preparar as contas, balances e presupostos da Asociación.
b) Levar os libros de caixa e cantos sexan precisos para a contabilidade da Asociación.
c) Custodiar os fondos da Asociación e documentar a súa xestión económica.
d) Ordenar os pagamentos procedentes.

Artigo 30.- Das facultades do Vicesecretario-Vicetesoureiro

O Vicesecretario-Vicetesoureiro substituirá nas súas funcións o Secretario ou o Tesoureiro nos casos de ausencia dalgún deles por calquera motivo ou por delegación destes.

Sección Quinta. – SISTEMA DE ELECCIÓN DOS CANDIDATOS A VOGAIS DO CXPX

Artigo 30 bis

O sistema de elección dos candidatos a vogais do CXPX será o seguinte:

Elección de candidatos directamente polas seccións territoriais:

A designación dos candidatos ao Consello Xeral do Poder Xudicial realizarase mediante un sistema de elección directa por parte dos asociados de cada sección territorial ou agrupación de seccións para os efectos do proceso electoral para o seu traslado ao Consello.

Unha vez coñecido o número de candidatos que pode propoñer a Asociación, establecerase a proporción entre o número de asociados e o número de candidatos para propoñer por cada sección ou agrupación. Deste modo obterase o número de candidatos elixibles por cada sección ou agrupación.

Co fin de non prexudicar as seccións cuxo número de asociados non permita a designación de ningún candidato, atribuiránselles os restos porcentuais das restantes seccións, e corresponderalle ao Comité Electoral a distribución.

Artigo 30 ter

A Asociación non presentará como candidatos a vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial os xuíces e maxistrados:

A) Que sexan ou fosen membros da executiva nacional dentro dos dous anos anteriores á presentación de candidatos.
B) Que non desempeñasen ininterrompidamente, dentro dos dous anos anteriores á presentación de candidatos, funcións relativas ao exercicio efectivo da xurisdición.

 

CAPÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN TERRITORIAL
DA ASOCIACIÓN

Artigo 31.- Das seccións territoriais

A Asociación organízase territorialmente por seccións territoriais, que estenderán o seu ámbito ao territorio dos correspondentes tribunais superiores de xustiza das comunidades autónomas. Poderán existir dentro da sección tantas delegacións como a asemblea respectiva acorde.
Dentro sempre dos fins da Asociación, con estrita suxeición ás normas destes estatutos e baixo as directrices e acordos do Congreso da Asociación, as seccións territoriais gozarán de plena autonomía en canto á súa organización, actuación e funcionamento, aprobando o seu propio regulamento, que lle farán saber á Comisión Permanente, que poderá facer as obxeccións que estime pertinentes e que, en caso de non ser emendadas pola Sección Territorial, someteranse ao Congreso, que resolverá en definitiva.

Artigo 32.- Dos membros das seccións territoriais

Pertencerán á Sección Territorial todos os asociados que se atopen destinados dentro do territorio que abranga aquela. No caso de que o número de asociados destinados nun territorio ou comunidade autónoma sexa inferior a cinco, non constituirán Sección Territorial, e integraranse na que cada un deles elixa.
Serán órganos mínimos das seccións territoriais a Asemblea Xeral, o Presidente e o Secretario-Tesoureiro.

CAPÍTULO III. DAS CORRENTES NON
ORGANIZADAS DE OPINIÓN

Artigo 33.- Atribucións e prohibicións das correntes non-organizadas de opinión

Recoñécese a existencia de correntes de opinión non-organizadas no seo interno da Asociación.

Estas poderán exercitar os seguintes dereitos e facultades para efectos meramente internos:

a) Reunión.
b) Designación de voceiros nos órganos da Asociación nos que participen membros dunha corrente de opinión, polas canles estatutarias xerais.
c) A posibilidade de facer expresa reserva do seu voto discrepante nos asuntos que, debatidos nalgún dos órganos da Asociación, os integrantes dunha corrente de opinión que pertenzan ao devandito órgano obtivesen un número de votos superior ao vinte por cento dos emitidos.

Pola contra, prohíbeselles categoricamente ás correntes de opinión non-organizadas:

a) A comunicación externa autónoma fóra das canles orgánicas da propia Asociación, as que, de ser o caso, farán constar o voto discrepante cando reúna os requisitos establecidos na anterior alínea c).
b) A creación de órganos propios, fóra dos voceiros aludidos anteriormente.
c) A disposición e recadación de fondos, fóra dos que a propia Asociación e de xeito xeral poida destinar a finalidades concretas.
TÍTULO III

DAS DISTINCIÓNS E HONRAS

Artigo 34.- Da insignia e placa de honra da Asociación

Créanse a insignia e a placa de honra da Asociación Profesional da Maxistratura, que se lles outorgarán aos xuíces e maxistrados, sexan ou non membros da Asociación, en recoñecemento dos servizos prestados a esta, ou que se distinguisen, prestixiando a Asociación, no desempeño de funcións xudiciais ou institucionais en xeral, ou que alcanzasen cargos de especial responsabilidade.
Tamén poderán outorgarse a persoas ou entidades alleas á Asociación por aqueles servizos relevantes que lle prestasen a esta ou pola notoria defensa que tivesen feito dos seus fins.

Artigo 35.- Dos asociados e dos presidentes de honra

Poderáselles conceder a calidade de Asociado de Honra da Asociación a aquelas persoas alleas á Asociación ou aos propios asociados que deixasen de pertencer a ela, salvo que fose en virtude de sanción disciplinaria, nos que concorran as condicións fixadas no artigo anterior e non se estimase necesaria a concesión das distincións nel establecidas.
En iguais circunstancias, poderáselles conceder a calidade de Presidente de Honra da Asociación aos que exercesen tal cargo na Asociación.
O procedemento para a súa concesión, así como para a das distincións fixadas no artigo anterior, regularase regulamentariamente.
TÍTULO IV

DISPOSICIÓNS XERAIS APLICABLES A TODOS OS CARGOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 36.- Caracteres de tales cargos

O mandato de todos os cargos directivos da Asociación e das súas seccións territoriais e delegacións será de dous anos, e poderán ser reelixidos só por outros dous mandatos máis, sen límite alterno; polo tanto, e unha vez transcorridos dous anos dende o seu cesamento, poderán volver ser elixidos para novos mandatos. O Comité Executivo renovarase cada dous anos, como mínimo, na terceira parte dos seus membros.
Os cargos da Asociación ou das súas seccións territoriais e delegacións serán honoríficos. Sen prexuízo do seu carácter gratuíto, os titulares terán dereito ao reembolso dos gastos tidos no desempeño dos seus cargos.

Artigo 37.- Do cesamento nos cargos asociativos

Os titulares dos cargos da Asociación ou das súas seccións territoriais ou delegacións cesarán:

1º.- Por expiración do seu mandato, sen prexuízo da súa posible reelección.
2º.- Por perda da calidade de asociado.
3º.- Por renuncia do interesado.
4º.- Por ser sancionado como autor dunha falta grave.

Cando por calquera causa se produza o cesamento antes da expiración do mandato, e se non designase nestes estatutos substituto para este, o Congreso, as asembleas xerais ou as xuntas das delegacións procederán ao nomeamento dun novo titular, e poderán designar, mentres tanto, con carácter provisional e se iso fose imprescindible, un substituto a Comisión Permanente da Asociación ou a Xunta Directiva da Sección.
TÍTULO V

DO PATRIMONIO E RÉXIME ECONÓMICO DA ASOCIACIÓN E DAS SÚAS SECCIÓNS
Artigo 38.- Dos recursos económicos

Os recursos económicos da Asociación estarán constituídos:

1º.- Polas cotas ordinarias e extraordinarias dos seus asociados.
2º. – Polas subvencións, axudas ou doazóns feitas á Asociación ou ás súas seccións territoriais, sempre que fosen debidamente aceptadas pola Comisión Permanente ou pola Asemblea Xeral, respectivamente.
TÍTULO VI

DA DURACIÓN E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 39.- Da duración da Asociación

A Asociación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 40.- Da disolución da Asociación

A Asociación disolverase:

1º. – Por acordo do Congreso, acordado por maioría cualificada.
2º. – Por resolución xudicial.

Artigo 41.- Do destino do patrimonio en caso de disolución

En caso de disolverse a Asociación, daráselle ao seu patrimonio, se o houber, o destino que acorde o seu Congreso.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.- En tanto non se proceda á aprobación dos regulamentos previstos no parágrafo segundo do artigo 31 destes estatutos, a sección territorial que non o fixese rexerase polas disposicións dos primitivos estatutos que, como anexo e coa súa nova numeración, figuran ao final destes.

Segunda.- A modificación do art. 30 ter A) non lles será de aplicación aos membros da executiva nacional que cesen no XVI Congreso Nacional da Asociación.

 

ANEXO

ARTIGOS DOS ESTATUTOS ANTERIORES AO CONGRESO DE 1981 A QUE SE REFIRE A DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA, COA SÚA NOVA NUMERACIÓN E COAS MODIFICACIÓNS INTRODUCIDAS NO XIII CONGRESO DE OUTUBRO DE 1999
SECCIÓNS TERRITORIAIS
I.- DA ASEMBLEA XERAL DAS SECCIÓNS

Artigo 1.- A Asemblea Xeral da Sección é o órgano superior polo que se rexe aquela e de expresión da vontade dos asociados. Os seus acordos, validamente adoptados, obrigan a todos os seus asociados, tanto presentes como ausentes, representados ou disidentes.

Artigo 2.- Dentro dos fins da Asociación e baixo as directrices xerais acordadas polo Congreso daquela, correspóndelle á Asemblea Xeral:

a) Fixar temas de estudo e encargar a súa preparación a membros da sección, por si ou en comisións.
b) Adoptar decisións sobre os temas sometidos á súa consideración e ordenarlle a súa execución á Xunta Directiva, sendo esta responsable da súa xestión ante a Asemblea.
c) Elixir os asociados que deban desempeñar os cargos de Presidente, Vicepresidente, Secretario e Tesoureiro, así como, no suposto do artigo 8, os restantes membros non-natos da Xunta Directiva.
d) Acordar o cesamento, por causa grave, de todos ou de parte dos membros non-natos da Xunta Directiva, e ao mesmo tempo deberá designar os que haxan de substituílos, cuxo mandato terá o tempo de duración que aínda lles restase aos substituídos.
e) Aprobar os presupostos e contas da sección.
f) Instar da Comisión Permanente da Asociación a realización de congresos, e solicitar para tales efectos igual acordo das outras seccións.
g) Resolver os recursos que se presenten contra acordos da Xunta Directiva.
h) Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias dos seus asociados.
i) Propoñer temas para o seu estudo e resolución polo Congreso da Asociación.
j) Nomear compromisarios para o Congreso da Asociación. Para estes efectos, cada dez dos asociados concorrentes á Asemblea, presentes ou representados, poderán nomear o seu propio compromisario. Os restantes postos de compromisarios serán elixidos por todos os concorrentes, salvo polos que xa elixisen o seu propio compromisario, das candidaturas que se presentasen pola Xunta Directiva da Sección ou por un número non inferior a cinco dos concorrentes, presentes ou representados. As candidaturas deberán comprender tantos nomes como postos de compromisarios queden por elixir, e serán abertas, polo que poderán combinarse nomes de máis dunha candidatura. Resultarán elixidos os que obteñan maior número de votos, e os empates resolveranse por sorteo. Se só se presentase unha candidatura, resultarán proclamados automaticamente compromisarios os comprendidos nesta.

Artigo 3.- As asembleas xerais das seccións poden ser ordinarias e extraordinarias, e terán lugar en primeira ou en segunda convocatoria, debendo mediar entre unha e outra, polo menos, media hora.
A elas teñen dereito a asistir, con voz e voto, todos os asociados da sección, ben persoalmente, ben delegando a súa representación e voto noutro asociado, facéndoo por escrito e con carácter especial para cada asemblea. Ningún dos asistentes poderá representar máis de cinco asociados. O asociado que se presente como candidato a algún cargo estará obrigado a asistir á asemblea en que deba procederse á elección.
Tamén poderán asistir, con voz pero sen voto, os asociados pertencentes a outras seccións distintas.
A convocatoria faraa a Xunta Directiva por escrito remitido a todos os seus asociados con dez días de antelación, polo menos, á data de celebración, especificando o lugar, o día e a hora en que terá efecto, así como a súa orde do día. Deberá recollerse tamén na orde do día calquera asunto cuxa inclusión sexa solicitada por un mínimo do cinco por cento dos membros da sección.
En casos de grave transcendencia e urxencia, apreciada pola Xunta Directiva, esta poderá convocar unha asemblea extraordinaria sen axustarse ao prazo anterior, utilizando para as citacións o medio máis rápido.
As asembleas terán lugar, preferentemente e sempre que non mediase expresa prohibición do funcionario ao cargo do cal estivese o local, en dependencias da Administración de Xustiza.

Artigo 4.- A asemblea, calquera que sexa a súa clase, será presidida polo Presidente da Xunta Directiva, cuxo Secretario actuará como tal nesta. Quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número dos concorrentes.

Artigo 5.- Os acordos, agás nos casos das alíneas d) e g) do artigo 2, nos que se esixirá maioría cualificada dos dous terzos dos concorrentes, presentes ou representados, adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate, repetirase a votación e, de persistir este, trasladarase o punto debatido á orde do día da seguinte asemblea.

Artigo 6.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dúas veces ao ano, preferentemente nos meses de abril e outubro, e corresponderalle especificamente á primeira das devanditas asembleas a aprobación e censura das contas do exercicio anterior e do presuposto para o seguinte, que rexerá dende a súa aprobación ata a do correspondente ao seguinte exercicio.
Durante o mes anterior á primeira asemblea de cada ano, a Xunta Directiva terá a disposición dos asociados, para o seu exame, a documentación da xestión económica da sección.

Artigo 7.- Toda asemblea distinta das anteriores terá o carácter de extraordinaria e convocarase sempre que a maioría dos membros da Xunta Directiva o decida ou o solicite un número de asociados que representen, polo menos, o vinte por cento dos pertencentes á sección, ou os dous terzos dos adscritos a unha delegación.
II.- DA XUNTA DIRECTIVA DAS SECCIÓNS E DO SEU PRESIDENTE, VICEPRESIDENTE, SECRETARIO E TESOUREIRO

Artigo 8.- En cada sección existirá unha xunta directiva, como órgano de dirección, xestión e representación, que estará formada por un presidente, un vicepresidente, un secretario e un tesoureiro, elixidos na Asemblea Xeral, e polos delegados provinciais, elixidos nas respectivas delegacións. En caso de que algunha sección carecese ou contase con menos de catro delegacións provinciais, completarase a xunta ata o devandito número de delegados con asociados, elixidos igualmente pola Asemblea Xeral. A duración do mandato de todos eles será de dous anos.
Os cargos de presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro, así como, de ser o caso, os restantes membros elixidos en substitución ou por non ser bastantes os delegados, serán elixidos na primeira asemblea ordinaria, en votación secreta, polos membros da Sección, presentes ou representados, concorrentes a esta.
Presentadas as candidaturas, procederase á elección, e resultará elixido para cada cargo ou posto o candidato que obtivese maior número de votos.
Os candidatos que resultasen elixidos ou proclamados e que estivesen presentes tomarán posesión no mesmo acto dos seus cargos ou postos, cesando os que ata entón os viñesen desempeñando.

Artigo 9.- Correspóndelles ás xuntas directivas:
a) Convocar a Asemblea Xeral da Sección, por si ou a instancia dos asociados, fixando a orde do día, na que se incluirán os temas propostos polos asociados e os que pola súa parte elaborase.
b) Darlle conta á Comisión Permanente da Asociación da convocatoria da Asemblea Xeral, con expresión da orde do día, e remitirlle copia da acta da celebrada.
c) Executar os acordos tomados nas asembleas xerais.
d) Redactar materialmente os escritos que se deriven dos acordos adoptados nas asembleas co fin de publicalos ou difundilos polos medios de comunicación.
e) Fixar temas de estudo e encargarlles a súa preparación a membros da sección ou a comisións de asociados, co fin de elaborar as propostas que deban incluírse na orde do día dunha asemblea.
f) Informar os asociados da sección, directamente ou a través dos delegados provinciais, de todos os asuntos ou incidencias de interese, e comunicarlle á Comisión Permanente da Asociación os proxectos ou pretensións dos seus asociados.
g) Realizar cantos actos lle sexan delegados polo Congreso ou a Comisión Permanente da Asociación.
h) Render conta anual da súa xestión, presentando os correspondentes estados.
i) Dar efectividade aos acordos da propia Xunta Directiva nos termos que para a Asemblea establece a alínea c) deste artigo.
j) Elaborar ao comezo de cada ano un programa de actuacións, con especial referencia á programación de actividades de formación. Desta programación daráselle traslado ao Comité Executivo da Asociación. Ao final de cada anualidade redactarase unha memoria de actividades, que tamén se lle remitirá ao Comité Executivo da Asociación.

Artigo 10.- A Xunta Directiva reunirase, polo menos, cada dous meses. Será convocada, por orde do Presidente, polo Secretario, remitíndolles a todos os seus membros, con dez días de anticipación polo menos, a orde do día, elaborada polo Presidente e na que se incluirá calquera tema proposto por un asociado.
Para adoptar acordos deberán estar presentes, polo menos, a metade máis un dos seus membros; tomaranse aqueles por maioría simple dos asistentes e o Presidente gozará de voto de calidade para resolver os empates.
O Secretario da Sección, co visto e prace do Presidente, levantará acta da reunión, da que se lle remitirá certificación ou copia ao Comité Executivo da Asociación e aos asociados da Sección Territorial.
A asistencia ás reunións da Xunta Directiva será obrigatoria para todos os seus membros, sen que sexa admisible a delegación de voto ou representación. As devanditas reunións terán lugar periodicamente e realizaranse, polo menos unha vez ao ano, nas distintas sedes xudiciais.

Artigo 11.- Correspóndelle ao Presidente da Xunta Directiva:

a) Representar a Sección ante todas as autoridades e organismos e en actos de todo tipo, coas facultades que lle conceden estes estatutos ou que poden outorgarlle a Asemblea Xeral da Sección ou a Comisión Permanente da Asociación. No ámbito territorial da Sección, o Presidente exercerá a representación da Asociación sen prexuízo sempre da representación e facultades dos órganos superiores da Asociación.
b) Presidir as asembleas xerais e as reunións da Xunta Directiva, dirixindo e moderando os debates, concedendo ou retirando a palabra e autorizando co seu visto e prace as actas das sesións.
c) Dirixir e asinar en nome da Asemblea ou da Xunta Directiva os escritos derivados dos acordos adoptados.
d) Resolver por si, e logo de consulta, mesmo telefónica, cos restantes membros da Xunta Directiva, aqueles asuntos que non poidan demorarse ata que teña lugar unha reunión da Xunta Directiva, que convocará seguidamente.
A duración do mandato do Presidente será a fixada no artigo 36 dos estatutos.

Artigo 12.- Correspóndenlle ao Vicepresidente da Xunta Directiva todas as funcións do seu Presidente en caso de ausencia, enfermidade, imposibilidade ou cesamento deste. En defecto do Vicepresidente, serán desempeñadas provisionalmente as súas funcións polo membro de máis idade da Xunta Directiva, excluídos o Secretario e o Tesoureiro.

Artigo 13.- Correspóndelle ao Secretario da Xunta Directiva:
a) Cumprir o previsto no artigo 9 b) deste anexo.
b) Levantar acta das sesións das asembleas xerais, nas que actuará como secretario delas, e das reunións da Xunta Directiva, autorizándoas coa súa sinatura.
c) Levar e custodiar o Rexistro de Asociados da Sección e os libros de actas ou de calquera outro tipo que fosen precisos, así como toda a documentación da sección.
d) Expedir as certificacións que fosen precisas.

Artigo 14.- Correspóndelle ao Tesoureiro da Xunta Directiva:

a) Levar e custodiar os libros de caixa e demais de contabilidade que fosen precisos, así como a documentación económica da Sección.
b) Preparar e presentar as contas, balances e presupostos.
c) Recadar as cotas dos asociados, custodiando os fondos da Sección.
d) Ordenar os pagamentos da Sección na forma aprobada pola Xunta Directiva.
e) Render contas cando se lle requira e, en todo caso, polo menos semestralmente.

Artigo 15.- As xuntas directivas das seccións territoriais promoverán, cando así o aconsellen as circunstancias, a designación de voceiro ou coordinador dos membros electos da Asociación nas salas de goberno -en Pleno ou, de ser o caso, en Comisión- para o tratamento daqueles asuntos que, pola súa especial importancia, requiran pautas de actuación común, coa función de dar a coñecer todas as iniciativas e decisións que interese xeneralizar co obxecto de fixar unha liña de actuación conxunta. A súa designación farase por elección interna entre os membros da Sala de Goberno pertencentes á Asociación.
O coordinador ou calquera membro electo do Pleno ou, de ser o caso, da Comisión das salas de goberno asistirá con fins informativos ás reunións das seccións territoriais ou das delegacións a que se lles convoque, salvando, en todo caso, o deber de segredo propio das deliberacións da Sala de Goberno. Informará dos acordos máis transcendentes de interese xeral das salas de goberno ás seccións territoriais ou ás delegacións.
Os membros electos integrantes das salas de goberno, ao comezo do seu mandato, ofreceranse aos asociados para que estes poidan expoñer as cuestións, suxestións e problemas que os afecten en asuntos competencia das devanditas salas. Para tal fin, as seccións territoriais informarán dos destinos e teléfonos correspondentes para establecer contacto directo con eles.
Os voceiros das diferentes salas de goberno coordinarán a súa actuación naqueles temas que esixan unha uniformidade de criterio a nivel nacional de acordo cos principios da Asociación.
Os representantes nos devanditos órganos de goberno promoverán a realización de reunións fóra da sede oficial do tribunal superior de xustiza correspondente.
Nas salas de goberno que actúen en Pleno e en Comisión deberase coidar a delimitación de competencias entre un e outra, reservando, en todo caso, o primeiro a resolución dos asuntos de especial importancia. Se fose preciso, fomentarase a realización, polo menos mensual, do Pleno da Sala de Goberno.
As seccións territoriais deberán asumir o compromiso de que se cumpran as anteriores recomendacións.

Artigo 16.- As seccións territoriais poderán regulamentar con carácter interno as incompatibilidades dos cargos asociativos, dentro do marco das normas estatutarias e regulamentarias.
III. DAS DELEGACIÓNS PROVINCIAIS

Artigo 17.- Todos os asociados destinados en cada unha das provincias a que estenda o seu ámbito territorial unha sección constituiranse nunha delegación provincial.

Artigo 18. – Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, o mandato do cal terá a duración establecida no artigo 36 dos estatutos, e que será nomeado en votación secreta polos membros da Delegación, constituídos en xunta, á que poderán asistir, persoalmente ou representados, todos eles, sen que ningún dos asistentes poida representar a máis de cinco asociados. Será elixido o que obteña o maior número de votos; en caso de empate, a elección decidirase a favor do membro máis antigo na Asociación e, en igualdade de condicións, a favor do máis antigo na carreira xudicial. No caso de que non houbese candidato, será designado delegado o asociado de menor idade, cuxo mandato terá tamén a duración establecida no artigo 36 dos estatutos.

Artigo 19.- Correspóndelle ao delegado provincial:
a) Representar a Asociación dentro do ámbito territorial da Delegación, sen prexuízo sempre da representación e facultades dos outros órganos superiores da Sección Territorial e da Asociación.
b) Presidir as xuntas dos asociados da Delegación, dirixindo e moderando os debates, concedendo ou retirando a palabra e resolvendo os empates con voto de calidade.
c) Servir de enlace entre os asociados da súa Delegación e a Xunta Directiva da Sección.
d) Ser membro da Xunta Directiva da Sección.
e) Calquera outra que lle fose especialmente delegada polos restantes órganos da Sección ou da Asociación.
f) Remitir certificación ou copia das actas das reunións da Xunta da Delegación á Xunta Directiva da Sección Territorial e a todos os asociados da Delegación.
g) Propoñerlle á Asemblea Xeral da Sección Territorial o nomeamento de subdelegados ou coordinadores cando as circunstancias ou o número de asociados o aconsellen, destituíndo estes cando o faga o Delegado. Nos supostos insulares, poderá constituírse unha delegación ou subdelegación en cada illa, o que poderá facerse extensivo ás cidades de Ceuta e Melilla.

Artigo 20. – Cando o ordenasen os restantes órganos, colectivos ou individuais, da Asociación ou da Sección, a iniciativa do delegado provincial, ou cando o solicitasen un número de asociados que represente o dez por cento dos destinados na provincia, o delegado provincial convocará a xunta a todos os asociados, remitíndolles, con dez días, polo menos, de antelación, a orde do día, na que, de ser o caso, haberá de incluírse calquera tema proposto por un asociado.
Na Xunta, que será presidida polo delegado e na que actuará como secretario o asociado presente de menor idade, trataranse os temas que figuren na orde do día e cantos se estimen oportunos, levantarase a correspondente acta, que será asinada por quen actuase de secretario, co visto e prace do delegado, e remitiráselle esta á Xunta Directiva da Sección.
No caso de que os asociados destinados dentro do ámbito da Delegación excedan de dez, haberá, ademais do delegado, un secretario designado por aquel, e o delegado haberá de convocar, cando menos, unha xunta trimestralmente.

 

TÁBOA DE CORRELACIÓN DOS NOVOS ARTIGOS DO ANEXO COS ANTIGOS ESTATUTOS

 
Artigos do anexo  Artigos dos antigos estatutos
1 31
2 32
3 33
4 34
5 35
6 36
7 37
8 38
9 39
10 40
11 41
12 42
13 43
14 44
15 novo
16 novo
17 45
18 46
19 47
20 48

 

 

 

 

 

 

 

 

 
REGULAMENTO DE ORGANIZACIÓN, FUNCIONAMENTO E RÉXIME DISCIPLINARIO DA ASOCIACIÓN PROFESIONAL DA MAXISTRATURA

 

TEXTO REFUNDIDO COAS MODIFICACIÓNS INTRODUCIDAS POLO XIII CONGRESO DE OUTUBRO DE 1999

 

TÍTULO I

DAS DISPOSICIÓNS XERAIS E DOS ASOCIADOS

ARTIGO 1.- Do domicilio da Asociación

O domicilio estatutario da Asociación radicará en Madrid, na praza de Castilla, número 3, piso 14 – D.
Porén, o Comité Executivo poderá en calquera momento variar dentro da indicada vila o domicilio, e comunicaralle inmediatamente o devandito cambio a todas as seccións territoriais.
(Véxase o art. 2. Est. )

ARTIGO 2.- Dos asociados

1.- Poderán ser membros da Asociación todos os xuíces e maxistrados en servizo activo e que non pertenzan a outra asociación profesional de xuíces e maxistrados nin estean incursos en causa de perda da calidade de asociado.
2.- En ningún caso poderán pertencer á Asociación os xuíces de paz ou os seus substitutos, nin os maxistrados suplentes ou xuíces substitutos.
3.- Os xuíces e maxistrados que pasasen á situación de servizos especiais quedarán en suspenso na súa condición de asociados mentres se encontrasen na devandita situación, e recobrarana automaticamente cando cesasen naquela, a non ser que expresamente fixesen constar o seu desexo de darse de baixa nesta.
4.- O Gabinete de Coordinación Asociativa, se estivese en funcionamento, ou, en caso contrario, aquel que o substituíse ou no que se refundise, ou, en último extremo, o Comité Executivo, levará o control dos asociados que se encontrasen en situación de servizos especiais e do seu cesamento en tal situación.
(Véxase o art. 4. Est.)

ARTIGO 3.- Da afiliación

1.- Para afiliarse á Asociación abondará con dirixir un escrito ao seu Presidente, ben directamente, ben por medio da sección territorial correspondente, manifestando o seu desexo de pertencer a esta e comprometéndose a observar o establecido nos estatutos da asociación e as súas normas de desenvolvemento.
2.- Se o solicitante reunise as condicións esixidas para asociarse, o Comité Executivo da Asociación procederá á súa admisión na primeira reunión que realice, e comunicarallo inmediatamente ao solicitante e ao presidente da sección territorial na que deba quedar adscrito.
3.- Contra o acordo polo que se denegase a admisión poderá recorrerse en alzada ante a Comisión Permanente.
4.- As altas e baixas de asociados seranlles comunicadas, tan pronto como se produzan, polo Comité Executivo ao órgano de apoio citado no artigo 2.4 deste regulamento e ás correspondentes seccións territoriais. Así mesmo, cando aquel órgano de apoio tivese coñecemento de calquera feito dos que poden dar lugar á baixa do asociado conforme o artigo 7 dos estatutos, comunicarallo inmediatamente ao Comité Executivo para que adopte a resolución que corresponda.
5.- Sen prexuízo de que para a afiliación abondará con dirixir o escrito a que se refire o número 1 deste artigo, o repetido órgano de apoio redactará un modelo de petición de afiliación, que lles remitirá ás seccións territoriais, para unha maior uniformidade.
6.- Naquelas seccións territoriais en que o pagamento das cotas se verificase mediante detracción da cota da nómina mensual polas habilitacións das xerencias territoriais do Ministerio de Xustiza e Interior, quen pretenda afiliarse deberá acompañar coa súa petición de afiliación un escrito no que llo ordene ao habilitado.
Naquelas seccións territoriais en que non se seguise o aludido sistema, estas adoptarán as medidas oportunas para que teña efectividade o pagamento das cotas.

ARTIGO 4.- Do amparo do asociado no exercicio dos seus dereitos

O asociado que, exercitando calquera dos dereitos previstos no artigo 5 dos estatutos, non fose satisfeito neste polos órganos correspondentes da Asociación ou das súas seccións territoriais, poderá darlle coñecemento ao órgano de apoio citado no artigo 2.4 deste regulamento, o cal, logo da obtención, se é o caso, dos informes que estime oportunos, elevarao co seu propio informe ao órgano directivo que corresponda para que se adopte a resolución pertinente.
(Véxase o art. 5 Est.)

ARTIGO 5.- Do incumprimento das obrigas do asociado

Tan pronto como o órgano de apoio a que se refire o artigo 2.4 deste regulamento tivese coñecemento do incumprimento por parte de calquera asociado dalgunha das obrigas establecidas no artigo 6 dos estatutos, e logo, de ser o caso, da previa obtención da información que estime oportuna, daralle coñecemento ao Comité Executivo, por se procedese a incoación de expediente disciplinario.
(Véxase o art. 6 Est.)

ARTIGO 6. – Da perda da calidade de asociado

1.- Cando esta sexa motivada por algunha das dúas primeiras causas do artigo 7 dos estatutos, o Comité Executivo decretará, tan pronto como se reciba a petición do asociado, que se publique no Boletín Oficial do Estado o acto que motive a perda da condición de xuíz ou maxistrado ou se teña coñecemento desta, se non se publicase naquel, e comunicaráselle inmediatamente a baixa á sección territorial a que pertencera e, se é o caso, ao órgano de apoio citado no artigo 2.4 deste regulamento.
2.- A perda da calidade de asociado como consecuencia da comisión dunha falta moi grave producirase se así se acordase no expediente disciplinario tramitado conforme o establecido nos artigos seguintes.
(Véxase o art. 7 Est.)

ARTIGO 7.- Esixencia da responsabilidade disciplinaria

1.- A responsabilidade disciplinaria dos asociados que incorresen nalgunha ou algunhas das faltas definidas nos artigos 10, 11 e 12 dos estatutos só poderá esixila o Comité Executivo mediante o procedemento establecido neste regulamento, incoado xa por propia iniciativa, xa por orde da Comisión Permanente ou do Congreso da Asociación, xa a instancia das seccións territoriais ou do agraviado.
2.- Non se poderá incoar expediente disciplinario asociativo en relación con feitos obxecto de causa penal ou de expediente disciplinario incoado polo órgano competente do Poder Xudicial en tanto non se rematase este por resolución firme, e suspenderase, de ser o caso, o trámite do expediente se no seu curso se incoase aquel.
En tales supostos, os prazos de prescrición comezarán a computarse dende o momento en que se lle comunique ao instrutor a firmeza da sentenza ou da resolución recaída.
3.- Un mesmo feito sancionado en causa penal ou expediente disciplinario non poderá ser obxecto de posterior expediente disciplinario asociativo, agás no suposto previsto no artigo 10.3º dos estatutos.
(Véxanse os arts. 8 a 13 Est.)

ARTIGO 8.- Do expediente disciplinario

1.- O procedemento iniciarase por acordo do Comité Executivo, que designará como instrutor a un dos seus membros, actuando como secretario quen o sexa do Comité Executivo. O devandito acordo comunicaráselle ao interesado e á sección territorial ou agraviado que o instase.
2.- O instrutor do expediente, logo de audiencia de interesado, poderá propoñerlle ao Comité Executivo a suspensión provisional dos dereitos asociativos do expedientado, e o Comité Executivo resolverá o que considere oportuno na primeira reunión que teña. A suspensión provisional só poderá acordarse cando aparezan indicios racionais da comisión dunha falta moi grave, e nunca poderá durar máis de seis meses.
3.- O instrutor practicará cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos e a determinar as responsabilidades destes, en todas cuxas actuacións poderá intervir o expedientado.
4.- Á vista daquelas, o instrutor formulará, se procedese, un prego de cargos, no que se exporán os feitos imputados. O prego de cargos notificaráselle ao expedientado para que poida contestalo no prazo de oito días e propoñer as probas que precise, cuxa pertinencia será cualificada polo instrutor.
5.- Cumprido o anterior e practicadas, de ser o caso, as probas que se declararan pertinentes, o instrutor formulará proposta de resolución, da que se lle dará traslado ao expedientado para que, no prazo de oito días, alegue o que teña por conveniente. Logo do devandito traslado ou transcorrido o prazo concedido sen facelo, remitiráselle o expediente ao Comité Executivo.
6.- Cando o instrutor estimase que os feitos non son constitutivos de falta, que está prescrita, ou que non existe proba bastante da súa comisión, unha vez practicadas as actuacións necesarias, elevaralle o expediente con proposta do seu arquivo ao Comité Executivo, o cal, na primeira reunión que realice, e se estivese de acordo coa proposta do instrutor, acordará o seu arquivo, mentres que, en caso contrario, devolverallo ao instrutor para que formule prego de cargos, comprenda outros feitos neste ou complete a instrución, e continuarase a súa tramitación conforme o establecido nos números anteriores, en canto procedese.
7.- Unha vez recibido o expediente polo Comité Executivo coa proposta sancionadora do instrutor, resolverao na primeira reunión que realice, sen que poida intervir na devandita resolución o instrutor, e sen prexuízo de poder devolverllo a este para os mesmos efectos que os establecidos no número anterior. As sancións para impoñer, se procedesen, serán as establecidas no artigo 13 dos estatutos. Se o Comité Executivo estimase que, a pesar da proposta do instrutor, os feitos investigados non son constitutivos de falta, que está prescrita ou que non existe proba bastante da súa comisión, acordará o arquivo do expediente.

ARTIGO 9.- Dos recursos

1.- Contra a resolución do Comité Executivo pola que se impón unha sanción, o expedientado poderá recorrer en alzada ante a Comisión Permanente no termo de dez días. O escrito de interposición do recurso formularase ante o Comité Executivo, o cal, na primeira reunión que realice, designará como relator a un dos membros da devandita comisión, con exclusión dos pertencentes ao Comité Executivo, e a quen remitirá todas as actuacións, incluíndo o tema na orde do día da primeira reunión da Comisión Permanente, a cal, logo do informe do relator, resolverá o recurso, sen que nin no debate nin na decisión poidan estar presentes os membros do Comité Executivo.
2.- As seccións territoriais ou o agraviado que instasen a incoación do expediente disciplinario poderán recorrer en alzada no termo de dez días e ante a Comisión Permanente contra o acordo do Comité Executivo polo que se acordase o arquivo do expediente, que, para tales efectos, lles haberá de ser notificado, e cuxo recurso se tramitará e decidirá do modo establecido no número anterior.
TÍTULO II

DA ORGANIZACIÓN DA ASOCIACIÓN

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 10.- Dos órganos de goberno da Asociación

1.- Os órganos de goberno da Asociación de ámbito nacional serán os establecidos no artigo 14 dos estatutos.
2.- Como órganos de apoio do Comité Executivo nas tarefas que ten encomendadas e dependentes deste créanse os gabinetes operativos, como grupos de apoio e traballo especializados.
A Comisión Permanente, por propia iniciativa ou a proposta do Comité Executivo e segundo as necesidades de cada situación, poderá crear outros gabinetes á parte dos recollidos neste regulamento, así como refundilos, dividilos ou suprimilos, e daralle conta ao próximo congreso, que resolverá en definitiva o que teña por conveniente.
3.- Así mesmo, a Comisión Permanente ou o Comité Executivo poderán acordar a creación de comisións para un asunto determinado, designando os membros que deban compoñelas e asignándolles as funcións que haxan de corresponderlle.
En concreto, e sen prexuízo da facultade concedida ao Presidente polo artigo 25.c) dos estatutos, créanse como órganos de apoio ao Presidente, a Comisión de Xestión Económica, integrada polo Presidente, o Secretario, o Tesoureiro e o Vogal Xefe do Gabinete de Medios de Comunicación, en quen se delegan as funcións de financiamento do xornal institucional “Deliberación”; así como o Comité de Urxencia, integrado polo Presidente, Vicepresidente, Secretario, Vicesecretario-Vicetesoureiro e Xefe do Gabinete de Medios de Comunicación, en quen se delega a adopción de medidas informativas, difusión de notas e realización de funcións cando a urxencia inaprazable das cuestións formuladas impida a consulta cos restantes membros do Comité Executivo.
(Véxase o artigo 14 Est.)

CAPÍTULO II. DO CONGRESO

ARTIGO 11.- Da convocatoria do Congreso

Sen prexuízo do establecido no parágrafo segundo do artigo 18 dos estatutos, entre a convocatoria do Congreso e a súa realización haberán de mediar, polo menos, tres meses. As convocatorias para os congresos dirixiranse a todos os asociados. Así mesmo, comunicaráselles aos presidente das xuntas directivas das seccións territoriais, que poderán adoptar pola súa parte os medios de publicidade que estimen oportunos. Coa convocatoria do Congreso remitiráselles ás seccións territoriais a orde do día daquel. Ata un mes antes da data de realización do Congreso, as seccións territoriais, de acordo cos seus regulamentos de organización e funcionamento, ou un mínimo de vinte e cinco asociados, poderán propoñer a inclusión de temas na orde do día, e para estes efectos dirixirán a correspondente proposta ao Comité Executivo, o cal, inmediatamente, daralles coñecemento destas propostas ás seccións territoriais, sen que no Congreso poidan adoptarse acordos sobre outros temas que os propostos na orde do día ou os que aquel, ao inicio das súas sesións, inclúa dos que propuxesen as seccións territoriais ou un mínimo de vinte e cinco asociados coa antelación fixada neste artigo.
Os relatorios que haxan de ser debatidos no Congreso remitiránselles ás seccións e subseccións territoriais con, polo menos, un mes de antelación á súa celebración.

ARTIGO 12.- Da convocatoria urxente do Congreso

Malia o establecido no artigo anterior, en casos de urxencia apreciada pola Comisión Permanente, esta poderá convocar un Congreso sen axustarse aos prazos establecidos no devandito artigo.

ARTIGO 13.- Da constitución do Congreso

Logo da presentación previa dos compromisarios e acreditado, de ser o caso, o substituto que asistise por quen o fai, o Congreso constituirase en primeira ou segunda convocatoria nos termos previstos no artigo 19 dos estatutos, baixo a presidencia do Presidente da Asociación.

ARTIGO 14.- Da elección da Mesa do Congreso

Unha vez constituído o Congreso, procederase segundo o disposto no artigo 17.2 dos estatutos á elección do Presidente, Vicepresidente, Secretario e Vicesecretario do Congreso. Unha vez elixidos na forma establecida no artigo 21.2 deste regulamento, tomarán posesión dos seus cargos.

ARTIGO 15.- Da orde do día

Unha vez exposta polo Presidente a orde do día, darase lectura, se é o caso, ás propostas de inclusión nela doutros temas, formulados de acordo co establecido no artigo 11 deste regulamento, e, unha vez debatida a procedencia ou improcedencia dos temas propostos, decidirase en canto á inclusión ou non dalgún deles ou de todos na orde do día, e seguidamente pasarase á designación das comisións.

ARTIGO 16.- Da constitución das comisións

Designaranse comisións para o estudo dos temas da orde de día cuxa natureza así o esixa a xuízo do Presidente, ou cando o solicite o vinte por cento dos congresistas, en ambos os dous casos con aprobación do Pleno.

ARTIGO 17.- Dos membros das comisións

Formarán parte de cada comisión:
1º.- Un congresista designado pola sección territorial que propuxese o tema da comisión.
2º.- Un congresista designado por cada unha das seccións territoriais que formularan comunicacións sobre os devanditos temas.
3º.- Os congresistas que o soliciten.

Ningún congresista poderá formar parte de máis dunha comisión. Os membros do Congreso que, en aplicación desta regra, non resulten integrados nalgunha comisión serán distribuídos polo Presidente, tendendo, no posible, á igualdade no número dos seus compoñentes, se así o aceptasen. Se non se reunise un mínimo de cinco, o tema pasará directamente ao Pleno.

ARTIGO 18.- Da actuación das comisións

Cada comisión, que iniciará as súas actividades baixo a presidencia do seu compoñente de maior idade, actuando como secretario o máis novo, elixirá o seu Presidente e Secretario segundo o disposto no artigo 21 deste regulamento, en canto lle sexa aplicable.
Unha vez que aqueles tomasen posesión dos seus cargos, darase lectura ás comunicacións recibidas, e deliberarase cada punto ata que o tema, a xuízo do Presidente, estea o suficientemente debatido.
Os acordos adoptaranse por maioría simple e ao texto do ditame que se lle vaia presentar ao Pleno engadiranse as propostas que, aínda que non prosperasen, obtivesen ao seu favor os votos dun terzo dos compoñentes da Comisión ou un mínimo de tres deles.
A Comisión designará de entre os seus membros o que haberá de intervir no Pleno en defensa do ditame.

ARTIGO 19.- Do Pleno. Da deliberación e votación dos temas que non impliquen elección

Unha vez recibidos os ditames elaborados polas diversas comisións, procederase ao seu estudo de acordo coa orde establecida. Con respecto aos temas que non fosen obxecto de debate en Comisión ou que pasasen directamente ao Pleno, poderán presentarse propostas de acordo asinadas por dez compromisarios ata o momento en que, ao chegar ao punto correspondente da orde do día, o Presidente requira para iso.

A deliberación dará comezo coa lectura do ditame da Comisión ou das propostas de acordo presentadas, de ser o caso. Aberto o debate, admitiranse dúas intervencións a favor e outras tantas en contra, salvo que, pola dificultade do tema, o Presidente considere procedente amplialas. O debate pecharase, sen cubrir quenda, polo compromisario designado pola comisión correspondente, en caso de ditame da Comisión, ou por un dos congresistas asinantes da proposta, noutro caso.

Se o Presidente ou a quinta parte dos congresistas, á vista do debate, considerasen necesaria a formulación dunha nova redacción, procederase a verificala.

Seguidamente, votarase o ditame ou proposta de acordo, ben na súa integridade, ou con distinción de puntos, segundo proceda.
A votación só terá lugar en forma secreta cando así o solicite un terzo dos asistentes.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos congresistas presentes. En caso de empate, repetirase a votación e, se subsistise de novo o devandito empate, entenderase rexeitada a moción. Excepcionalmente, a disolución da Asociación esixirá para a súa aprobación a maioría cualificada das dúas terceiras partes dos membros do Congreso. No caso de non se obter a devandita maioría, repetirase a votación, logo da concesión previa dun prazo prudencial pola Mesa do Congreso e, de non se conseguir tampouco a devandita maioría nesta segunda votación, terase por rexeitada a moción.

ARTIGO 20.- Da deliberación e votación dos temas que impliquen elección para cargos non-asociativos

1.- A elección de candidatos para calquera cargo en que non se establecesen normas especiais nos estatutos ou neste regulamento acomodarase ás seguintes regras:

Primeira.- Ata que no Congreso se chegue ao punto da orde do día correspondente poderán presentar propostas de candidaturas quince congresistas. Se non se presentase ningunha, o Presidente requirirá o Congreso para iso, e poderá sinalar para tal fin un prazo prudencial, que non poderá exceder de trinta minutos. Ningún congresista poderá subscribir máis dunha proposta de candidatura. As propostas de candidaturas, nas que poderán figurar todos os posibles candidatos, pertenzan ou non á Asociación, serán abertas, e poderá elixirse para cada posto aos que figuren en calquera delas, e completas, comprendendo a relación de todos os candidatos para elixir; se fose necesario, a Mesa do Congreso acordará cantas demais circunstancias se esixan ou impoña a lexislación aplicable ao respecto.

Segunda.- Logo de que lles sexan comunicadas todas as candidaturas aos congresistas, admitiranse dúas intervencións por sección territorial respecto da elección que se vai realizar, e poderán formularse candidaturas de síntese, para cuxo efecto, se o Presidente o estima procedente, suspenderá a sesión por quince minutos.

Terceira.- Serán electores todos os congresistas con dereito a voto. A votación será persoal e secreta.

Cuarta.- A elección verificarase en papeleta única, na que figurarán todos os postos de candidatos que se van cubrir. Resultarán elixidos para cada posto os propostos que obtivesen o maior número de votos, figurando pola orde que resulte do número de votos obtido por cada un. En caso de obter igual número de votos máis dun, procederase a unha nova elección, referida exclusivamente a estes, e, de persistir o empate, resolverase a favor de quen teña maior antigüidade na carreira.

Quinta.- Se non se formulase máis que unha proposta de candidatura, prescindirase da elección, e a Mesa do Congreso declarará proclamados candidatos os que figuren na devandita proposta.

Sexta.- Calquera dúbida que se formule na elección será resolta pola Mesa do Congreso por maioría de votos, tendo para o efecto voto de calidade o Presidente.

Sétima.- Os congresistas de cada sección territorial poderán designar dous compromisarios, que colaborarán coa Mesa nas tarefas de escrutinio.

Oitava.- Se a urxencia na formulación da candidatura para calquera cargo cuxa elección lle corresponda ao Congreso da Asociación non permitise a súa elección por este, efectuaraa a mesma Comisión Permanente, ao amparo do establecido no artigo 22.7 dos estatutos.

2.- Se o cargo pertencese ao ámbito exclusivo dun tribunal superior de xustiza, a elección realizaraa a Asemblea Xeral da sección territorial correspondente, de acordo coas normas do número anterior, se ben as propostas de candidaturas poderán ser presentadas por quince asociados ou polos que integren o quince por cento, polo menos, dos membros da sección, e as alusións á Mesa do Congreso entenderanse referidas á Xunta Directiva da Sección Territorial ou órgano de goberno similar dos establecidos no seu regulamento de organización e funcionamento.

3.- Se o nomeamento o fose para as Salas de Goberno do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional, o Presidente da Sección Territorial da Comunidade Autónoma de Madrid convocará a xunta a todos os asociados destinados, respectivamente, naquel tribunal ou nesta Audiencia e nos Xulgados Centrais, que procederán á elección de acordo co establecido no número anterior.

ARTIGO 21.- Da deliberación e votación de temas que impliquen elección de cargos asociativos

1.- Os cargos de Presidente e Vogal do Comité Executivo elixiranse de acordo coas regras seguintes:

Primeira.- Procederase en primeiro lugar á elección de Presidente, e poderán formularse candidaturas do modo establecido na regra primeira do artigo 20.1 deste regulamento.

Segunda.- Serán electores todos os congresistas con dereito a voto. A votación será persoal e secreta.

Terceira.- Resultará elixido o candidato que obteña maior número de votos. En caso de empate, repetirase a votación e, se subsistise, será proclamado Presidente o de maior antigüidade na carreira.

Cuarta.- Unha vez proclamado o Presidente, procederase á elección dos nove vogais do Comité Executivo, sendo aplicables as regras primeira e segunda deste número.

Quinta.- As propostas para candidatos deberán ser abertas, polo tanto poderán elixirse para cada posto os que figuren en calquera delas. Resultarán elixidos os candidatos que obteñan maior número de votos. En caso de empate, repetirase a votación entre aqueles cuxa proclamación para o posto non puidese realizarse como consecuencia daquel. Se subsistise o empate, será ou serán proclamados vogais os de maior antigüidade na carreira.

Quinta bis. As candidaturas ao Comité Executivo poderán presentarse mediante listas abertas non-completas

Sexta.- En caso de non se formular máis que unha candidatura, ben para Presidente, ben para Vogal, prescindirase da votación, e resultarán proclamados os que figuren nesta.

Sétima.- Os cargos de Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e Vicesecretario-Vicetesoureiro serán elixidos polo propio Comité Executivo entre os seus vogais na primeira reunión que teña lugar.

2.- A elección para os cargos de Presidente, Vicepresidente, Secretario e Vicesecretario do Congreso efectuarase ao inicio das sesións deste e unha vez que o Presidente da Asociación remate a súa intervención, de acordo co establecido no número 1 deste artigo e no artigo anterior, en canto lle fosen aplicables; ata ese momento exercerán as funcións atribuídas á Mesa do Congreso os membros do Comité Executivo.

ARTIGO 22.- Das intervencións dos congresistas

Todas as intervencións dos congresistas se cinguirán coa maior precisión ao tema examinado e terán unha duración máxima de cinco minutos, salvo que, pola dificultade do tema, o Presidente autorice unha maior extensión.

ARTIGO 23.- Da interpretación e integración

Correspóndelle ao Presidente do Congreso, logo de consultar coa Mesa, resolver as dificultades que, por escuridade ou insuficiencia dos estatutos ou deste regulamento, poidan suscitarse ao longo da súa realización, salvo que o propio Presidente ou a quinta parte dos congresistas estimen que a cuestión ten gran transcendencia, en cuxo caso a decisión quedará atribuída ao Congreso, que resolverá por maioría simple, logo de dúas intervencións previas a favor e doutras tantas en contra de cada unha das solucións propostas.
CAPÍTULO III. DA COMISIÓN PERMANENTE
(Véxanse os artigos 21 e 22 Est.)
ARTIGO 24.- Da convocatoria da Comisión Permanente

1.- A Comisión Permanente convocaraa o seu Presidente e realizará sesión, polo menos, cada seis meses, e ademais sempre que o acorde o seu Presidente, por si ou a instancia de cinco, polo menos, dos seus membros, e terá lugar unha terceira sesión anual se as dispoñibilidades económicas o permitisen.
2.- As sesións da Comisión Permanente terán lugar en Madrid, salvo que circunstancias excepcionais aconsellen a realización da reunión noutra cidade.
3.- Entre a convocatoria e a súa realización deberá mediar, polo menos, un mes, e enviárselles aos seus membros, xunto coa convocatoria, a orde do día dos temas que se van tratar, elaborada polo Comité Executivo e na que se incluirán aqueles temas propostos por quen solicitase a convocatoria ou por calquera dos membros da Comisión Permanente.
4.- En caso de urxencia, apreciada polo Comité Executivo, poderá ser convocada a Comisión Permanente sen suxeitarse ao prazo establecido no número anterior, e poderá efectuarse a convocatoria por medio de fax, telefonicamente ou por calquera outro conduto.
5.- A asistencia ás sesións será obrigatoria para todos os membros da Comisión Permanente, que se entenderá validamente constituída, en primeira convocatoria, cando estean presentes, polo menos, as dúas terceiras partes dos seus membros; en segunda convocatoria abondará coa presenza da metade máis un dos membros que a integren.
6.- En cada sesión, o Presidente dará completa conta da súa actuación e de todos os asuntos resoltos e cuestións tratadas polo Comité Executivo dende a realización da sesión anterior, e a Comisión Permanente poderá revisar calquera actuación do Presidente ou do Comité Executivo.
7.- Segundo directrices marcadas polo Congreso, a Comisión Permanente fixará os obxectivos que han de perseguir o Presidente e o Comité Executivo, indicando as pautas de actuación daqueles.
8.- Os acordos adoptaranse por maioría simple dos concorrentes, e os empates que non se resolvan tras tres votacións decidiraos o voto do Presidente.
9.- As actas das súas reunións remitiránselles a todas as seccións territoriais e estas a todos os asociados.

ARTIGO 25.- Das reunións da Comisión Permanente

1.- Na Comisión Permanente discutiranse todos os temas propostos na orde do día, así como aqueles que no propio acto sexan formulados por calquera dos seus membros, se así o acordase a maioría dos asistentes, e adoptaranse, se é o caso, os acordos que se consideren procedentes.
2.- En canto lle sexa aplicable, observarase nas reunións da Comisión Permanente o previsto para as sesións do Congreso.
CAPÍTULO IV. DO COMITÉ EXECUTIVO
(Véxanse os artigos 23 e 24 Est).

ARTIGO 26.- Da convocatoria e constitución do Comité Executivo

O Comité Executivo reunirase, polo menos, unha vez ao mes e sempre que o acorde o seu Presidente, por si ou por solicitude de catro dos seus membros. A convocatoria faraa o Presidente da Asociación, e poderá realizala por escrito, fax, telefonicamente ou por calquera outro medio. O Comité Executivo deberá coñecer e examinar as actas que lle remitan as seccións territoriais, con traslado previo a todos os seus membros, que se incluíran na orde do día da reunión seguinte á recepción, tratando as propostas que fagan as seccións.
Entenderase validamente constituída cando concorran a esta, seis, polo menos, dos seus membros, incluídos o Presidente ou quen estatutariamente o substitúa, e os seus acordos adoptaranse por maioría simple dos concorrentes, tendo o Presidente voto de calidade para resolver os empates que non poidan decidirse tras dúas votacións sucesivas, sen que caiba delegación ningunha.
As actas das súas reunións deberán ser o suficientemente explícitas e remitírselles ás seccións e subseccións territoriais.
A duración do mandato dos membros do Comité Executivo e a súa renovación será a especialmente fixada para este no artigo 36 dos estatutos.

ARTIGO 27.- Da falta de asistencia ás reunións do Comité Executivo

Se algún dos membros do Comité Executivo non puidese asistir ás súas reunións por causa xustificada poderá solicitar por escrito, por fax ou mesmo telefonicamente do Presidente da Asociación ou de quen estatutariamente o substitúa que este discuta por el calquera tema que estimase de interese e que, pola súa urxencia, non poida diferirse para outra reunión do Comité Executivo.

ARTIGO 27 bis.- Límites aos membros do Comité Executivo

A Asociación non presentará como candidatos a vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial os membros do Comité Executivo durante o período para o que foron elixidos.
CAPÍTULO V. DOS GABINETES OPERATIVOS
(Véxase o artigo 14 Est.)
ARTIGO 28.- Configuración

Os gabinetes operativos a que se refiren os artigos 14 dos estatutos e 10.2 deste regulamento, e sen prexuízo do establecido no penúltimo parágrafo deste último, serán os seguintes:

a) Gabinete de Coordinación Asociativa
b) Gabinete de Relacións cos Medios de Comunicación
c) Gabinete de Relacións Externas
d) Gabinete de Estudos e Documentación
e) Gabinete de Defensa Xurídica
f) Comité Electoral

ARTIGO 29.- Gabinete de Coordinación Asociativa

É competencia do Gabinete de Coordinación Asociativa manter a necesaria comunicación entre o Comité Executivo e cada unha das seccións territoriais, e destas entre si, o control das altas e as baixas, impulsar a afiliación, facer chegar en todo momento a cada un dos asociados información sobre as actividades da Asociación en xeral, e do Comité Executivo en particular, así como en concreto as que se establecesen en calquera dos artigos deste regulamento.

ARTIGO 30.- Gabinete de Relacións cos Medios de Comunicación

1.- É competencia do Gabinete de Relacións cos Medios de Comunicación facer presente a actividade da Asociación Profesional da Maxistratura nos diferentes medios de comunicación, así como as súas relacións cos profesionais de tales medios. En tal sentido, correspóndelle transmitir a estes os comunicados e demais información que a Asociación estime que a sociedade debe coñecer.
2.- Dependerá do citado gabinete a elaboración do diario ou xornal da Asociación Profesional da Maxistratura, con independencia daqueloutras comunicacións internas que sexan competencia do Gabinete de Coordinación Asociativa, así como o nomeamento do Consello Redactor daquel.
3.- En caso de crearse a figura do Voceiro, dependerá deste gabinete, e poderá desempeñar tal cargo o seu responsable ou ben calquera outro asociado.

ARTIGO 31. – Gabinete de Relacións Externas

1.- É competencia do Gabinete de Relacións Externas manter a comunicación, levar a presenza e representación da Asociación Profesional da Maxistratura naqueles organismos ou institucións internacionais que se relacionen coa Xustiza, e especialmente coa Unión Internacional de Maxistrados.
2.- Do Gabinete de Relacións Externas dependerán os contactos e relacións da Asociación Profesional da Maxistratura coas outras asociacións, colexios profesionais e demais organizacións.
3.- As anteriores competencias enténdense sen prexuízo da representación que lle corresponde ao Presidente e, se é o caso, ao Vicepresidente da Asociación Profesional da Maxistratura.

ARTIGO 32.- Gabinete de Estudos e Documentación

É competencia do Gabinete de Estudos e Documentación a elaboración de informes, estudos, recompilación de documentos e todo o relativo á acumulación documental de interese asociativo. Así mesmo, correspóndelle a preparación daquelas publicacións que acorde o Comité Executivo.

ARTIGO 33.- Gabinete de Defensa Xurídica

1.- É competencia do Gabinete de Defensa Xurídica proporcionar asesoramento e, de ser o caso, defensa técnica e representación aos asociados, e excepcionalmente a outros membros da carreira xudicial, que a soliciten, en ambos os dous casos como consecuencia do exercicio da súa profesión e cando así o acorde o Comité Executivo; daralle conta á Comisión Permanente no caso dos non-asociados.
2.- Igualmente, corresponderalle articular a defensa e representación da Asociación Profesional da Maxistratura ante os tribunais.

ARTIGO 33 bis.- O Comité Electoral

O Comité Electoral será designado polo Congreso e estará composto por tres membros, un presidente e dous vogais, actuando o máis novo destes como secretario. A súa función será a de organizar e supervisar a elección dos candidatos da asociación ao CXPX, así como a calquera outro cargo que requirise de elección entre congresos.

Os integrantes deste non poderían ser nunca candidatos a ningunha das eleccións citadas ata que non expire o seu mandato, que se estenderá de congreso a congreso.

Para o caso de que un dos seus membros causase baixa, substituirao neste o elixido pola Comisión Permanente.

ARTIGO 34.- Da composición dos gabinetes operativos

1.- Á fronte de cada un dos gabinetes operativos estará un asociado responsable deste.
2.- O responsable de cada gabinete proporalle ao Comité Executivo o número de colaboradores que estime conveniente como encargados de áreas determinadas. Tal designación poderá recaer tanto en asociados coma en persoas alleas á Asociación.

ARTIGO 35.- Do nomeamento e relacións cos órganos de goberno

1.- O Responsable de cada Gabinete Operativo será designado pola Comisión Permanente por proposta do Comité Executivo. Por necesidades de urxencia, o Comité Executivo poderá facer o nomeamento de forma inmediata, pero condicionado á aprobación definitiva pola Comisión Permanente na súa reunión máis próxima.
2.- Ás reunións, tanto da Comisión Permanente como do Comité Executivo, poderán ser convocados, con voz pero sen voto, tanto o asociado responsable como algún ou algúns dos seus colaboradores.

ARTIGO 36.- Da duración do mandato

O nomeamento, tanto do responsable de cada gabinete como dos colaboradores, non terá unha duración específica, e poderán cesar nos seus cargos voluntariamente ou por remoción acordada pola Comisión Permanente, por proposta do Comité Executivo, no caso dos responsables, e polas demais causas da perda da condición de asociado. Os colaboradores poderán ser removidos polo Comité Executivo por proposta de cada responsable.

ARTIGO 37.- Dos medios materiais e criterios de actuación

1.- Para o desempeño das súas funcións, os gabinetes operativos contarán cos medios materiais e económicos que poña á súa disposición o Comité Executivo, de acordo co presuposto aprobado pola Comisión Permanente.
2.- Cada gabinete operativo actuará en virtude tanto das específicas indicacións da Comisión Permanente, como do Comité Executivo, como por propia iniciativa.

ARTIGO 38.- Das seccións territoriais

O establecido neste capítulo entenderase sen prexuízo das facultades que estatutariamente lles corresponden ás seccións territoriais.
TÍTULO III

DAS DISTINCIÓNS E HONRAS
(Véxanse os artigos 34 e 35)

ARTIGO 39.- Da Insignia e da Placa de Honra da Asociación

A Insignia e a Placa de Honra da Asociación Profesional da Maxistratura terán a forma e o deseño que figuran no anexo deste regulamento.

ARTIGO 40.- Da concesión da Insignia e da Placa de Honra da Asociación

As distincións reguladas no artigo 34 dos estatutos serán concedidas pola Comisión Permanente, a iniciativa propia ou a proposta do Comité Executivo ou dalgunha ou dalgunhas das xuntas directivas das seccións territoriais.
Para a súa concesión, así como para aprobar a proposta no Comité Executivo, abondará adoptar o acordo por maioría simple.

ARTIGO 41.- Da imposición da Insignia e da Placa de Honra da Asociación

O acto de imposición efectuarase coincidindo con algunha das sesións que realice a Comisión Permanente. Tamén poderá ser imposta, por delegación da Comisión Permanente, polo Comité Executivo ou pola Xunta Directiva dunha sección territorial.

ARTIGO 42.- Dos Presidentes e Asociados de Honra

1.- A distinción de Presidente de Honra da Asociación a favor das persoas nas que concorran as circunstancias establecidas no artigo 35 dos estatutos será concedida polo Congreso da Asociación, a instancia da Comisión Permanente, do Comité Executivo ou da Xunta Directiva das seccións territoriais. Tales propostas deberánselle dirixir coa antelación necesaria ao Comité Executivo para a súa inclusión na orde do día do Congreso. Para a concesión abondará co voto favorable da metade máis un dos congresistas.
Aínda que non existise unha previa proposta da Comisión Permanente, do Comité Executivo ou dunha Xunta Directiva de sección territorial, nas propias sesións do Congreso poderá presentarse a correspondente proposta de concesión, que precisará, en tal caso, o voto favorable das dúas terceiras partes dos congresistas.
2.- A distinción de Asociado de Honra da Asociación poderá concederlla a Comisión Permanente ás persoas nas que concorran as circunstancias establecidas no artigo 35 dos estatutos, seguindo para a súa concesión o procedemento establecido no artigo 40 deste regulamento.
TÍTULO IV

DAS INDEMNIZACIÓNS POR DESPRAZAMENTO
(Véxase o artigo 38 Est.)
ARTIGO 43.- Do dereito a indemnización

Cando por motivos estritamente asociativos se tivesen que desprazar fóra do lugar da súa residencia os membros da Asociación ou persoas autorizadas baixo a súa inmediata dependencia, terán dereito á correspondente indemnización, segundo o establecido nos artigos seguintes.

ARTIGO 44.- Viaxes dentro do territorio nacional

En todo caso, aboaranse os gastos para xustificar polos seguintes conceptos:

a) Transporte. Clase turística en avión. Clase primeira en ferrocarril, admitíndose o coche-cama unicamente se concorre a necesidade de viaxe nocturna. Billete de autobús en liña regular. Se se utilizase vehículo propio, aboarase a cantidade por quilómetro que, en cada momento, se fixe para os funcionarios públicos no correspondente Regulamento da Presidencia do Goberno.
b) Aloxamento.
c) Manutención. Aboarase polos conceptos de almorzo, xantar e cea o realmente satisfeito, cos límites máximos que, en cada momento, fixe a Comisión Permanente.

ARTIGO 45.- Viaxes fóra do territorio nacional

Percibiranse, á parte dos gastos de transporte sinalados no artigo anterior, as axudas de custo fixadas para os funcionarios públicos no Regulamento da Presidencia de Goberno, dende o día de saída ata o día de regreso, ambos os dous inclusive.

ARTIGO 46.- Gastos extraordinarios

Calquera exceso de gastos sobre os máximos establecidos que ocasionara prexuízo económico ao asociado comisionado ou ás persoas citadas no artigo 43 deste regulamento deberá ser expresamente autorizado polo Comité Executivo, sempre con xustificación de gastos, como en todos os casos.
??

??

??

??

1

 

Compartir.

Dejar un comentario

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies